A sede electrónica xudicial galega estará operativa en outubro e permitirá aos cidadáns consultar o estado en que se atopan as demandas ou procesos xudiciais nos que sexan parte. Para saber en que fase se atopa o proceso o demandante só precisará identificarse na sede cun certificado dixital ou co DNI electrónico. É a primeira fase dunha sede xudicial, que irá incorporando funcionalidades progresivamente, como a de iniciar en liña procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagamentos que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador.
O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial, como a presentación telemática de escritos, a validación de documentos, o acceso ao taboleiro de edictos, as notificacións electrónicas, as poxas xudiciais ou o acceso seguro aos expedientes dos procesos xudiciais nos que se é parte.