O vicepresidente, Alfonso Rueda, visitou as antigas instalacións sanitarias, que sufrirán unha profunda rehabilitación
A Xunta ultima a definición do concurso de ideas que concretará o proxecto de reforma e para iso asinarase un convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia
O tamén conselleiro de Xustiza indicou que o Goberno galego seguirá a traballar para que nas vindeiras semanas se poidan pechar os flocos que faltan co obxectivo de que en 2019 poidan estar executadas as obras
O proxecto daralle uso a un edificio emblemático, que contribuirá a dinamizar a cidade, e concentrará nun só edificio e no centro de Vigo toda a actividade xudicial
Vigo, 4 de marzo de 2016.- A transformación do antigo Hospital Xeral na Cidade da Xustiza de Vigo é xa unha iniciativa en marcha e, segundo indicou hoxe o vicepresidente da Xunta, estase avanzando día a día no proceso. Así, o acordo coa Seguridade Social –propietaria do edificio- é total e está previsto que nos próximos días se asine un protocolo coa ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, para que quede ratificado.
O vicepresidente visitou as instalacións do antigo Hospital Xeral xunto ao delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, co obxectivo de dar a coñecer as condicións do inmoble previas á profunda rehabilitación da que vai ser obxecto para albergar a cidade da Xustiza.
Alfonso Rueda informou de que a Xunta xa aprobou en Consello a reversión do inmoble á Seguridade Social, salvo un dos anexos, que seguirá destinado a usos sanitarios. Agora, a Seguridade Social deberá ceder a explotación do edificio de novo á Xunta, para destinalo a usos xudiciais.
Rueda explicou tamén que o Goberno galego está ultimando a definición do concurso de ideas que concretará o proxecto de reforma e para levalo a cabo asinarán á maior brevidade un convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia, para colaborar nese proceso. Segundo indicou Alfonso Rueda, colaborarase especialmente cos arquitectos vigueses para que colaboren coa Xunta na realización deste concurso de ideas.
O tamén conselleiro de Xustiza indicou que o Goberno galego seguirá a traballar para que nas vindeiras semanas se poidan pechar os flocos que faltan e lograr avances en todas as frontes co obxectivo de que en 2019 poidan estar executadas as obras.
Cómpre recordar que existe un consenso no posicionamento favorable á proposta do traslado tanto por parte dos axentes xudiciais: xuíces, fiscais, procuradores, avogados, secretarios e xunta de persoal; como dos comerciantes e asociacións da zona, dos arquitectos, do Concello de Vigo e da Tesourería da Seguridade Social, propietaria do edificio. A semana pasada Alfonso Rueda, mantivo unha xuntanza cos principais axentes xurídicos da cidade, que recibiron a proposta con satisfacción. E na mesma liña expresáronse os comerciantes da zona do hospital Xeral, que expresaron unha valoración positiva.
A viabilidade da proposta está constatada desde o punto de vista legal, técnico, estrutural e económico e presenta numerosas vantaxes. Daríaselle uso a un edificio emblemático, que contribuiría a dinamizar a cidade e concentraríase nun só edificio e no centro de Vigo toda a actividade xudicial, dotando á administración de xustiza dunhas instalacións de grande nivel. Ademais, permitiría gañar espazo respecto ao proxecto actual e probablemente estaría en funcionamento nun prazo máis breve do tempo.