17 feb 2016

A Xunta presenta a sexta edición da Guía de Peritos Xudiciais que axudará a axilizar o traballo dos xulgados galego


logo spj originalSantiago, 16 de febreiro de 2016.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación dunha nova edición da Guía de Peritos Xudiciais, da que dixo que por sexto ano consecutivo seguirá a ser un instrumento de máxima utilidade para a axilización do traballo nos órganos xudiciais galegos.

A guía foi elaborada pola Unión Profesional de Galicia, en colaboración coa Xunta, e saíu á luz por primeira vez -e de xeito pioneiro- no ano 2011. Tratase dun manual cunha relación de peritos xudiciais de diversas profesións e especialidades, que contan coa garantía e habilitación dos seus respectivos colexios. Ademais, contén unha relación de directorios de colexios profesionais e órganos xudiciais cos datos necesarios para poder contactar co organismo necesario para o desempeño do seu labor profesional.
O vicepresidente da Xunta destacou que a guía axuda á Xustiza ao aglutinar nunha única publicación a máis de 2.000 peritos que poñen os seus coñecementos técnicos ao servizo dos órganos xudiciais e dos cidadáns galegos. Esta información, que anteriormente manexábase en listados dispersos e desactualizados, facilitará sen dúbida o traballo de designación de expertos periciais.
Neste sentido, Alfonso Rueda reiterou o apoio da Xunta a iniciativas como a Guía de Peritos Xudiciais, que contribúan á xustiza áxil e de calidade que a cidadanía demanda e que é un dos obxectivos principais da política do Goberno galego. Así, desde a lexislatura pasada estase aforrando tempos e cartos coa implantación de novas tecnoloxías, coa celebración de vistas por videoconferencia ou coa implantación de servizos de mediación familiar que desconxestionan os xulgados.
A complexidade das materias que chegan aos xulgados fan necesarios coñecementos científicos, técnicos e prácticos para que o xulgador poida valorar as diversas circunstancias relevantes no asunto a axuizar. Como os xuíces non poden ter todo tipo de coñecementos especializados, recórrese ao asesoramento dos peritos, profesionais obxectivos e expertos coñecedores das materias obxecto do ditame solicitado, razón pola que púxose en valor a colaboración cos colexios profesionais.
No acto de presentación tamén participaron o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza, Miguel Ángel Cádenas e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes.
[Fonte: Xunta de Galicia]