Unha vez feitas as solicitudes, asínanse electronicamente co certificado de empregado público que contén a nova tarxeta identificativa, co DNI electrónico ou con calquera certificado emitido pola FNMT. Estas peticións pasan directamente á caixa de correo do superior funcional para a súa validación e sinatura electrónica. Despois desta segunda sinatura, a petición trasládase ao servizo de Xustiza correspondente para a súa resolución.
Con esta nova ferramenta o estado das solicitudes está visible en todo momento tanto para o persoal solicitante como para o superior funcional, e supón unha mellora nos tempos de tramitación e un aforro no que a custos materiais se refire.
Os destinatarios deste programa son os funcionarios dos corpos ao servizo da Administración de xustiza (corpos de médicos forenses, de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial) en servizo activo. As condicións, a planificación e os baremos pódense consultar no Programa anual de vacacións 2012.