23 dic 2014

NOVA SENTENCIA EXTRA 2012

SPJ-USO OBTEN UNHA NOVA SENTENCIA, EN LUGO,  QUE CONDENA Á XUNTA Á DEVOLUCIÓN ÍNTEGRA DA PAGA EXTRA DE DECEMBRO DE 2012
A loita emprendida por SPJ-USO para acadar para todos los compañeiros e compañeiras da Administración de Xustiza en Galicia a recuperación da paga extra roubada en decembro de 2012 segue a dar os seus froitos.
O pasado 17 de decembro o Xulgado Contencioso-administrativo nº 2 de Lugo ditou sentencia recoñecendo o dereito do demandante a cobrar integramente tanto a paga extraordinaria como a paga adicional de decembro de 2012, condenando tamén á Xunta de Galicia a aboar, cun límite de 400 euros, as custas do procedemento.

Como sempre facemos, imos ir por todos os centros de traballo informandovos persoalmente desta sentencia e do procedemento para solicitar a extensión de efectos.
Con esta nova sentencia, SPJ-USO xa acadou pronunciamentos favorables en case todos os partidos xudiciais da comunidade con xulgado do contencioso, sendo Santiago de Compostela a única localidade onde de momento non temos sentencia, xa que a vista está aínda sen sinalar. Deste xeito, estamos a piques de acadar o noso obxectivo de que todos os compañeiros de Galicia estean en disposición de beneficiarse das nosas sentencias, recuperando as súas pagas extraordinarias.
Como xa vos temos informado, nas localidades de Vigo, Pontevedra e A Coruña, o procedemento de extensión de efectos estase a tramitar, quedando paralizada a decisión do incidente ata que o Tribunal Supremo se pronuncie sobre o recurso de casación en interese de lei que a Xunta de Galicia interpuxo contra a sentencia ditada na Coruña. Nese recurso, xa nos personamos, a pesares do elevado custo económico que implica, para seguir defendendo os intereses do noso colectivo.
As extensións de efectos solicitadas en Ourense, están na mesma situación de paralización da decisión, pero tendo en conta que nese caso o recurso da Xunta presentouse perante o T.S.X.G por suposta infracción de lei autonómica.

No caso das extensións de efectos solicitadas en Ferrol, xa se ditaron ata agora máis de trinta autos favorables, e hai en marcha máis dun centenar de extensións. A Xunta non foi quen de paralizalas xa que as nosas alegacións contra o seu intento de suspendelas por estar recorrida a sentencia da Coruña, foron plenamente estimadas polo maxistrado.
O prazo para recorrer en casación a sentencia de Ferrol xa rematou, polo que todos os compañeiros/as con domicilio no ámbito territorial do Xulgado Contencioso de Ferrol, poden solicitar a extensión de efectos coa seguridade de que a súa demanda será estimada. Se aínda non a solicitastes ou coñecedes alguén nesa situación, poñemos á vosa disposición ós nosos delegados para que vos tramiten a solicitude.
Finalmente, facemos un chamamento ós Señores Feijóo e Rueda, para que, dunha vez por todas, asuman o que, nada menos que seis tribunais galegos ata o momento, recoñeceron, e devolvan  a paga roubada a todo o persoal da Administración de Xustiza en Galicia, en vez de tentar poñerlle portas ó mar, colapsando os xulgados do contencioso da nosa comunidade, e obrigándonos a presentar centos de reclamacións que, en todo caso, van ser estimadas.
Deixen de xogar cos cartos de todos os galegos; xa sabemos que a vostedes preitear sáelle gratis, e que cando lles condenan a pagar as custas dos procedementos que xa saben que van perder, o diñeiro non sae do seu peto, senón do noso. Non o malgasten máis e teñan moi claro que non vamos a esperar ó 2018 para ir recibindo a súa patética esmola cada ano; queremos o que é noso, o que os tribunais nos recoñeceron cos seus xuros correspondentes.
Xa para rematar, queremos darlle agradecer a todos os que confiastes en nós para tramitar as vosas reclamacións. Sabemos que en ocasións non foi unha decisión fácil, xa que outros se empeñaron en difundir informacións cando menos contraditorias. E queremos acordarnos neste intre especialmente dos nosos afiliados, que son os que permiten,  coa súas cotas, que podamos presentar todas estas demandas.
BOAS FESTAS A TODOS/AS
E FELIZ ANINOVO