7 ene 2013

Os funcionarios disporán ata o 11 de xaneiro para solicitar o anticipo do 50% da paga extra de xuño

Na Intranet publícouse a seguinte nova en relación coa forma de solicitar o anticipo do 50% da paga extra de xuño, para os funcionarios interesados en solicitala: “…O DOG (Diario oficial de Galicia) publicou o pasado 28 de decembro de 2012 o Decreto 263/2012, no que se regulan as condicións para solicitar o anticipo do 50% da paga extra correspondente ao mes de xuño xunto coa nómina de xaneiro. Para iso será necesario solicitalo antes do 11 de xaneiro de 2013.

O decreto sinala que terán dereito ao anticipo o persoal funcionario, laboral e estatutario da Administración xeral da comunidade autónoma, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e dos entes instrumentais recollidos na disposición transitoria terceira, punto 5, da  Lei 16/2010.
Os interesados que así o soliciten antes do 11 de xaneiro percibirán, xunto coa nómina correspondente ao mes de xaneiro, un anticipo igual á metade da cantidade que lle corresponderá na paga extra de xuño de 2013 polos conceptos de soldo base, trienios e complementos de destino ou contía equivalente.
Para formalizar a solicitude, os interesados deberán cubrir o anexo I que figura nas instrucións para a solicitude do anticipo e presentalo no servizo de persoal que xestiona as súas nóminas. Os servizos de persoal disporán dende hoxe (venres, 4 de xaneiro) dunha pantalla na aplicación de nómina na que introducirán o NIF dos solicitantes….”