Dende o inicio da crise económica, no
ano 2009, os Servizos Públicos e empregados/as Públicos, vivimos un
permanente acoso que pretende a fin do Estado de Benestar que
construímos con permanentes loitas e conquistas que fomos conseguindo ao
longo de moitos anos.
Esta agresión que os empregados/as
públicos sufrimos pódese resumir nun case estado de excepción, no que se
nos nega a negociación das relacións laborais sendo sometidos a un
agresivo frenesí normativo que dita por decreto as nosas condicións de
traballo, reducindo progresivamente os dereitos adquiridos ao longo de
décadas. A salientar:
1º. Rebaixa salarial anual nunha media
do 5%, en determinadas categorías de ata o 9%, no 2010 (RD Lei 8/2010),
cun IPC do 2,9%. Ao tempo utilizábase como coartada que a porcentaxe de
empregados/as públicos, dun 9,5%, era elevada obviando que a media da UE
era do 16%, cun altísimo crecemento do emprego público dun 1% na última
década, para unha poboación que medraba en 6 millóns de persoas. Tamén
se esquecen que somos o país da UE que en termos porcentuais menos
investimento efectúa no emprego público tal e como reflicte o elevado
número de traballadores e traballadoras que son mileuristas.
2º. Conxelación salarial no 2011, que
levou aparellada a conxelación de Ofertas de Emprego Público (Lei
39/2010, de Orzamentos Xerais do Estado), cun IPC do 2,4%.
3º. Supresión de dereitos e acordos sobre Xornada laboral (RDL 20/2011), e outros dereitos conseguidos.
4º. Ampliación da xornada mínima nas
administracións, (Lei 2/2012, de Orzamentos Xerais do Estado), nova
conxelación salarial, mantendo pagas extraordinarias reducidas e
abundando na imposibilidade de incrementar as taxas normais de
reposición de efectivos.
5º. Reforma Laboral, RD Lei 3/2012, que
introduce o despedimento colectivo e individual do persoal laboral do
sector público, por causas económicas, técnicas e organizativas.
Expedientes que soamente poden ser de extinción de posto de traballo,
non de redución de xornada ou suspensión temporal de contrato.
6º. Supresión de días adicionais de
vacacións. Reducen os días de asuntos propios (APs) que pasan a ser
unicamente 3 ao ano. Supresión da paga extraordinaria do Nadal (o que
significa un 7% de redución salarial anual). Supresión dos acordos e
pactos de dereitos sindicais. Anúlase a posibilidade de xubilación
parcial dos funcionarios, así como as melloras económicas en IT, RD Lei
20/2012, e Lei 1/2012 Galicia.
Como novo ataque aos empregados/as
públicos elabórase un anteproxecto de Lei que reduce o salario nunha
media dun 4% para o ano 2013, en determinadas categorias de ata o 6%,
minorando as pagas extraordinarias arredor dun 40%.
Por iso, dicimos basta, xa abonda, e
rexeitamos esta nova medida en contra dos empregados/as públicos de
Galicia, que sumará unha perda en tres anos de máis do 20% de salario, e
convocamos mobilizacións que terán, como primeira medida, concentracións nas sete comarcas o día 17 de xaneiro as 19:00 horas.
Asinado por:
CIG; CCOO; UGT; CSI·F; CESM; OMEGA; SATSE; USAE; STEG; ANPE; USO; USTG; CGT; STAJ; SIAT; ACAIP.