25 sept 2014

QUE SE METAN A SÚA ESMOLA POLO CÚ

O anuncio do Ministro Montoro de que no consello de ministros deste venres se vai aprobar a devolución do 25% da paga extraordinaria furtada en decembro de 2012 demostra que a hipocrisía dos nosos gobernantes non ten límite.
O goberno, que non se atreveu a volver á exitosa campaña do pasado "España vai ben", confórmase con facer un simulacro desta titulado "España mellora"; e sobre a base desa suposta mellora da economía anuncia a bombo e prato que por fin vai devolver parte desa paga extraordinaria que polo visto serviu no seu día para evitar o rescate e quebra desta España nosa.
Curiosamente, ao analizar a noticia, encontrámonos con que a devolución que formula o ministro se cuantifica nun 25% desa paga extraordinaria, que traducido a días equivale a uns 45 días de salario. Pero se a min esa cifra me soa de algo... Ahhh!, resulta que os centos de sentenzas gañadas polos empregados públicos recoñecen o dereito destes a cobrar a parte percibida dende o día 1 de xuño ata o 14 de xullo de 2014... ¡CARALLO!, pero se son 44 días recoñecidos por sentenza. A ver se ao final, o que vai resultar, é que nos están vendendo como proba de rexurdir patrio, o cumprimento estrito dunha sentenza.
E todo iso referido aos funcionarios alleos á administración de xustiza, porque se nos fixamos nestes, as sentenzas ditadas aínda van máis alá, declarando o dereito á súa percepción íntegra, toda vez que a pesar da suposta emerxencia nacional que urxía a aprobar o decretazo, a LOPJ, reguladora das nosas retribucións, non se modificou ata o 29 de decembro de 2012, cando a ditosa paga extra xa estaba percibida na súa totalidade.
Este simulacro de gobernantes que padecemos, que se fartou por activa e por pasiva de introducir trabas para dificultar o acceso dos cidadáns á xustiza, son os mesmos que nos obrigaron a saturar os tribunais de demandas en defensa dos nosos dereitos, e non contentos con iso, séguenos saturando con estúpidos recursos en suposto interese de lei nunha burda manobra de atrasar o inevitable para poder vestilo de gracioso xesto de recuperación do país. Despois de anos de campaña chamándonos vagos, aducindo que tiñamos demasiadas vacacións e días libres agora nos queren devolver parte da extra como recoñecemento ao patriotismo co que supostamente axudamos á causa de recuperar a economía.
O único que pretenden estes demócratas de pacotilla, é o de sempre, tratarnos como gando electoral e sacarnos do curral con algunha caricia no lombo en forma de "moscoso" ou de fragullas de paga extra na confianza de que iremos a votar agradecidos da garatuxa. O que terían que facer se fosen verdadeiros demócratas, é acatar as resolucións xudiciais e cumprilas á maior brevidade.
Todo este paripé é dunha desvergonza infumable, pero se seguimos analizando o tema, é que xa é directamente para mexar e non botar gota, porque os cazos imitan ás potas e ademais, tal e como aseveraba no seu día Darwin, a raza mellora.
E por iso, resulta que como versión mellorada do hipócrita gobernante, temos o noso excelente presidente Sr. Núñez Feijóo. Este ser humano, non contento con seguir as vergonzosas directrices do partido gobernante, vai máis alá e despois de masacrar os empregados públicos desta "boiante" comunidade autónoma, a "campiona do cumprimento do déficit", mantendo o recorte dos nosos salarios durante os anos 2013 e 2014, cando nin o goberno central se atreveu a facelo, permítese o luxo de recoller a luva lanzada por Montoro e dicir que el tamén se está a pensar devolver o 25% da paga extra de 2012, pero, e atención que aquí vén o triplo salto mortal, ENTRE OS ANOS 2015 E 2016 E LOGO DE NEGOCIACIÓN COS SINDICATOS!.
Nun rápido cálculo comprobamos, que se este personaxe pretende graciosamente devolver a totalidade da paga roubada, vai tardar nada menos que ¡8 anos!. É dicir, despois de roubarnos o equivalente a unha paga extra tanto no ano 2013 coma no ano 2014, e anunciar este verán que pretendía manter este recorte no ano 2015, agora pretende devolvernos unha miseria previa negociación na cal non sabemos en que máis pretende que cedamos. Todo iso, a pesar das numerosas sentenzas recaídas en Galicia recoñecendo o dereito ao aboamento de parte desta, e no caso concreto das interpostas por SPJ-USO, a súa percepción íntegra.
O único que temos que dicirlles é que xa non cola, que xa non hai ningunha negociación que entaboar, que o que imos seguir facendo os membros de SPJ-USO, como pioneiros que fomos na reclamación xudicial dos dereitos perdidos polo persoal de xustiza na nosa comunidade, é seguir acadando nos tribunais o que no seu día nos quitaron e non quixeron negociar. Que non importa que sigan interpoñendo recursos insostibles, que paralicen temporalmente as extensións de efectos, que ao final, chegaremos onde nos merecemos, ao recoñecemento xudicial das cantidades que nos roubaron, cos seus correspondentes intereses e costas. Que non importan que teñan emprobrecido o país ata límites inspospeitados, aínda asi, NON QUEREMOS a SÚA ESMOLA, QUE A METAN POLO CU.
Por todo iso insistimos en que a vía máis eficaz para recuperar os nosos dereitos é seguir coas solicitudes de extensión de efectos das sentenzas ditadas, tal e como nos fixemos dende o principio, e non podemos menos que celebrar que outros sindicatos, que ao principio reixeitagan esta vía, se subisen ao carro e comprendan que é o mellor xeito de alcanzar resultados positivos para todo o colectivo.


SPJ-USO, OS PRIMEIROS EN INFORMACION E PIONEIROS NAS ACCIÓNS XUDICIAIS CONTRA OS RECORTES SUFRIDOS POLO NOSO COLECTIVO, ANIMÁMOSVOS A SEGUIR LOITANDO NOS TRIBUNAIS NA RECUPERACION DOS NOSOS DEREITOS E COMO SEMPRE, PODEDES CONTAR CO NOSO ASESORAMENTO EN TODOS AQUELES PROBLEMAS QUE VOS XURDAN NO VOSO QUEFACER DIARIO.