Fonte:
Páxina web da Xunta. O vicepresidente do Goberno galego e conselleiro
de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda,
subliñou hoxe a aprobación, polo Consello da Xunta, do acordo que
permite que o Goberno galego se persoe como acusación en todos aqueles
casos de violencia de xénero nos que, lamentablemente, se teñan
producido vítimas mortais. Segundo o vicepresidente, trátase de asumir
un papel “aínda máis activo” para a persecución destes delitos que “son
unha lacra que afecta a todos”.Na rolda de prensa posterior ao Consello, Rueda indicou que este “é un paso máis” na procura da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres e citou nesa liña o Plan Galego de Igualdade entre homes e mulleres aprobado polo Goberno galego este mesmo ano. Así mesmo, o vicepresidente insistiu en que a violencia de xénero é “unha cuestión fundamental que preocupa á cidadanía”, polo tanto, “a Xunta ten que afianzar o no seu compromiso na loita para a erradicación desta lacra”.
Así, cada vez que a Secretaría Xeral da Igualdade teña constancia dunha morte por violencia de xénero “dará traslado inmediato de toda a información, de acordo cun protocolo que queda aprobado pola Asesoría Xurídica que preparará, tamén, de xeito inmediato, a persoación”, explicou o vicepresidente.
Ademais, a Secretaría Xeral da Igualdade será a encargada de recadar toda a información posible sobre os casos deste tipo de violencia, tamén de xeito inmediato e protocolizado, para activar, se fose necesario, os recursos de carácter social que se puideran precisar: apoio a menores, atención psicolóxica, axudas económicas, etc.
“Esta decisión será trasladada ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e á Delegación do Goberno para o seu coñecemento e para garantir esa adecuada coordinación e axilidade nas actuacións” concluíu.