Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 10.6.2010 A XUNTA PON EN MARCHA O PRIMEIRO PLAN PARA A IMPLANTACIÓN EFECTIVA DAS NOVAS TECNOLOXÍAS NA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA
- Busca dar solución as actuais dificultades coas que se atopan os profesionais da Administración de Xustiza no uso das TIC
- As medidas recollidas no Plan Senda 2014 permitirán materializar o expediente xudicial electrónico e implantar as videoconferencias en todos os xulgados galegos
- Melloraranse as infraestruturas, os equipamentos, os sistemas de información, e a formación do colectivo xudicial
- Habilitaranse novas canles de comunicación co cidadán que poderá recibir avisos vía sms e terá un portal con máis servizos de información
- plan conta cunha dotación orzamentaria de 34 millóns de euros ata o 2014 e establece, por primeira vez, a folla de ruta para integrar as TIC no ámbito xudicial
Obxectivos
O Plan, elaborado pola Xunta en colaboración con máis de 80 profesionais dos distintos ámbitos xudiciais, fixa seis liñas de actuación para avanzar na consolidación das TIC como elemento cotiá na actividade xudicial. A finalidade do plan é acadar una Administración de Xustiza máis eficaz completando o proceso de informatización ata chegar ao expediente xudicial electrónico; conseguir que sexa máis transparente e próxima á cidadanía; garantir que os servizos TIC prestados sexan de maior calidade, ofrecendo solucións tanto para o cidadán como para o colectivo xudicial adaptadas ás características e á realidade de Galicia; mellorar a interoperabilidade entre sistemas de información dos distintos organismos, establecendo de un marco de colaboración co Ministerio de Justicia que permita a evolución e adaptación do sistema de xestión procesual ás necesidades da Comunidade.
Liñas de actuación
Para chegar a esta situación final o primeiro paso é a adecuación, renovación e mantemento das infraestruturas e dotar á Xustiza dos medios e equipamentos necesarios. Trátase de establecer un nodo galego das tecnoloxías no ámbito xudicial para posibilitar a interconexión e o intercambio de información entre organismos e comunidades. A creación dunha base tecnolóxica robusta e fiable permitirá que o expediente xudicial electrónico sexa unha realidade e o cidadán poida percibir una Xustiza transparente.
Ademais, prevé dotar e adecuar ás plantas xudiciais dos equipamentos e medios precisos, reducir a fenda dixital existente no ámbito xudicial e adaptar as infraestruturas aos novos requirimentos derivados da reforma procesual. Así, contémplase a renovación dos equipos de gravación e videoconferencia, que permitirán aforrar tempo e custos evitando desprazamentos; a mellora do equipamento da planta xudicial, e adecuación do escritorio de traballo ao acceso remoto.
A revisión integral dos sistemas de información permitirá avanzar na dixitalización dos datos e da información e evolucionar cara o expediente xudicial electrónico. A materialización deste expedinte garantirá a calidade da información rexistrada e a súa accesibilidade desde calquera punto xeográfico e para todos os operadores que o precisen; evitará a redundancia no rexistro durante a itinerancia dos asuntos xudiciais e incorporará capacidades multiidioma que garantan a cooficialidade lingüística. Ademais, dotarase das ferramentas dixittais adecuadas aos traballadores para que poidan desempeñar o seu traballo con máis axilidade. Esta liña de actuación incrementará a accesibilidade do cidadán á Xustiza implantando novas canles de comunicación como o envío de sms para recordar sinalamentos, vistas ou cambios de data e a creación do Portal da Xustiza en Galicia.
No ámbito da seguridade adecuaranse os sistemas e infraestruturas para cumprir a normativa vixente en materia de protección de datos (LOPD) e aplicarase o marco definido no Esquema Judicial de Interoperabilidade e Seguridade (EJIS) ao que se adheriu a Xunta o pasado ano.
En canto aos servizos TIC, disporanse duns servizos de atención ao colectivo xudicial que funcionen de modo proactivo, acorde ás necesidades e a realidade da Xustiza.
Axilizarase a interlocución para mellorar a comunicación e as actuacións ante incidencias e cambios tecnolóxicos no eido xudicial.Tamén se establecerá un sistema de xestión da calidade do procesos TIC baseado nun modelo de mellora continua.
A última liña de actuación, especialmente relevante, é a referida á formación con medidas para a mellora e a actualización dos coñecementos dos profesionais da Xustiza que se complementarán con acción de concienciación do uso xeneralizado e correcto dos sistemas de información. Ofrecerase formación continua e específica a todos os traballadores da Administración de Xustiza. Identificarase a figura do monitor informático como usuario avanzado dentro do propio colectivo profesional e establecerase un Plan de Acollida, con accións formativas dirixidas aos profesionais de recente incorporación.
Contexto actual
Nos último anos desenvolvéronse diferentes sistemas e iniciativas para a integración das TIC na actividade diaria da Xustiza pero aínda se está lonxe de alcanzar un nivel óptimo de adecuación e utilización neste ámbito de prestación de servizos. Os elementos que, neste momento, conflúen na necesidade de investir no desenvolvemento tecnolóxico no ámbito xudicial son: a entrada en vigor da Reforma Procesual, que introduce a Nova Oficina Xudicial; o desenvolvemento do Esquema Judicial de Interoperabilidad y Seguridad, ao que se adheriu a Xunta; o Plan Estratéxico de Modernización da Justicia, promovido polo Ministerio e o programa de eGoberno da Xunta, que identifica a transformación da Xustiza como unha liña estratéxica.
As accións do plan xorden das necesidades de avanzar na modernización da Xustiza, superar a ausencia de automatización nos procesos xudiciais, practicamente a totalidade dos expedientes xudiciais se tramitan en soporte papel; incrementar a dotación de recursos tecnolóxicos no ámbito xudicial, que non foi parella ao crecemento do volumen de litixios e superar a fenda dixital do colectivo xudicial e baixa incorporación das tecnoloxías da Información aos procesos xudiciais.