18 ago 2008

Agrupacion Secretarias Xulgados de Paz


No DOG do día 12.8.08 publicase o Decreto 168/2008, do 24 de xullo, polo que se regulan as agrupacións das secretarías de xulgados de paz, que e dí o seguinte:
Segundo o artigo 20.1º da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, de Estatuto de autonomía para Galicia, correspóndelle á comunidade autónoma exercer todas as facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñezan ou atribúan ao Goberno do Estado.

O artigo 99.2º da Lei orgánica 6/1985, do poder xudicial, modificado pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, prevé a posibilidade de establecer unha soa oficina xudicial para varios xulgados de paz. En concordancia coa dita previsión, os puntos 1 e 2 do artigo 50 da Lei 38/1988, de demarcación e de planta xudicial, refírense á agrupación de secretarías de xulgados de paz servidas por funcionarios de xustiza.


A través do Real decreto , do 22 de novembro (BOE do 17 de decembro de 1999), traspasáronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e os servizos que dentro do territorio de Galicia desempeñaba a Administración do Estado sobre revisión e aprobación das agrupacións das secretarías de xulgados de paz, fixación do seu cadro de persoal e adscrición, se é o caso, de funcionarios dos corpos ao servizo da Administración de xustiza, aos xulgados de localidades de máis de 7.000 habitantes e aos que, pola carga de traballo, se considere xustificado.


Para avanzar no proceso de modernización da Administración de xustiza e na mellora do servizo que lles presta aos cidadáns, cómpre exercer as competencias transferidas regulando as agrupacións de secretarías de xulgados de paz servidas por funcionarios/as da Administración de xustiza no ámbito da comunidade autónoma, de xeito que se facilite a súa implantación progresiva, con adecuada consideración dos intereses locais, institucionais e profesionais presentes no proceso. Ademais, esta iniciativa senta as bases para dignificar as condicións de traballo das persoas idóneas que, sen relación administrativa nin laboral coas administracións públicas, están a desempeñar funcións de secretarios/as de xulgados de paz en localidades de menos de sete mil habitantes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oídas as organizacións sindicais máis representativas, e logo dos informes da Federación Galega de Municipios e Provincias e do Consello Xeral do Poder Xudicial, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de xullo de dous mil oito,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.
As agrupacións de secretarías de xulgados de paz en Galicia regularanse polo previsto neste decreto cando, segundo o previsto no artigo 50.1 e 2 da Lei 38/1988, de demarcación e de planta xudicial, se constitúan para seren atendidas por persoal ao servizo da Administración de xustiza.

Artigo 2º.-Conservación das sedes nos municipios respectivos e carácter itinerante da secretaría.

1. A constitución de agrupacións de secretarías, conforme o disposto no artigo anterior, non suporá a alteración da circunscrición territorial nin da sede dos xulgados de paz comprendidos na agrupación de secretarías, que as conservarán no termo municipal respectivo.

2. As secretarías das agrupacións serán de carácter itinerante e os seus titulares desempeñaranas en todas e cada unha das sedes dos xulgados de paz comprendidos na agrupación, segundo o plan semestral de actividades e desprazamentos previsto no artigo 6 deste decreto.

Artigo 3º.-Réxime de creación, modificación e supresión das agrupacións de secretarías de xulgados de paz.

1. A creación, modificación e supresión das agrupacións de secretarías de xulgados de paz correspóndelle á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de xustiza, ben de oficio, ben a través de petición razoada de todos os concellos afectados, plasmada nos acordos dos plenos respectivos, e logo do informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, dos consellos galegos de avogados e procuradores e das organizacións sindicais con representación no ámbito do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

2. En todo caso, para a creación ou modificación das agrupacións de secretarías de xulgados de paz será preciso que se cumpran as seguintes condicións:

a) Que a agrupación proposta comprenda no seu territorio unha poboación superior a 7.000 habitantes ou a carga de traballo xustifique a creación dun centro de destino de persoal ao servizo da Administración de xustiza.

b) Que os municipios agrupados pertenzan ao mesmo partido xudicial.
3. Os concellos tamén poderán solicitarlle á consellería competente a súa incorporación a unha agrupación de secretarías de xulgados de paz xa constituída, segundo os trámites e cumprindo os requisitos sinalados nas alíneas anteriores.

Artigo 4º.-Determinación da localidade sede do centro de destino dos/as funcionarios/as da agrupación.

1. Á consellería competente en materia de xustiza, oídas as organizacións sindicais con representación no ámbito do persoal ao servizo da Administración de xustiza e logo do informe dos concellos afectados, do Consello Xeral do Poder Xudicial e dos consellos galegos de avogados e procuradores, correspóndelle determinar a localidade sede do centro de destino do persoal ao servizo da Administración de xustiza, para o que terá en conta como criterios a existencia de instalacións axeitadas, a poboación residente no municipio, a súa situación xeográfica e a facilidade das comunicacións cara ás outras sedes de xulgados de paz comprendidas na agrupación de secretarías.

2. Os/as funcionarios/as destinados/as na agrupación prestarán servizos en todas as sedes de xulgados de paz comprendidos na agrupación de secretarías, segundo estableza o plan semestral de actividades e desprazamentos da agrupación a que se refire o artigo 6º deste decreto.

3. Cando o persoal da agrupación se desprace para realizar funcións propias da agrupación, terá dereito a percibir as indemnizacións por razón de servizo que resulten aplicables.

Artigo 5º.-Relación de postos de traballo.
1. O cadro de persoal funcionario das agrupacións de secretarías de xulgados de paz estará integrado por persoal dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza, nos termos que estableza a relación de postos de traballo que será obxecto de negociación sindical e sometida a informe previo do Consello Xeral do Poder Xudicial.

2. Os postos de traballo de secretario/a de agrupación de secretarías de xulgados de paz serán provistos por funcionarios/as do corpo ou da escala a extinguir de xestores procesuais e administrativos, a través de concurso específico de méritos.

Artigo 6º.-Plan semestral de actividades e desprazamentos.
As delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, con audiencia dos concellos integrados na agrupación, elaborarán un plan semestral de actividades e desprazamentos para realizar as funcións das agrupacións das secretarías de xulgados de paz, que será autorizado pola Dirección Xeral de Xustiza.

Disposición adicional
Única.-Dirección funcional das oficinas dos xulgados de paz ou das agrupacións de secretarías de xulgados de paz.

1. Sen prexuízo das funcións que lle corresponden ao xuíz de paz, o/a secretario/a do xulgado de paz ou da agrupación de secretarías de xulgados de paz exercerá no ámbito da respectiva oficina as funcións de organización, xestión, inspección e dirección do persoal, en que deberán asegurar a colaboración cos órganos de goberno do poder xudicial e dos tribunais e xulgados.

2. Os/as secretarios/as dos xulgados de paz ou das agrupacións colaborarán coa Xunta de Galicia para a efectividade das súas competencias en materia de medios persoais e materiais e darán cumprimento as instrucións que para o efecto reciban da Dirección Xeral de Xustiza ou delegación provincial competente. Así mesmo, colaborarán cos concellos para a efectividade das competencias previstas no artigo 51.3º da Lei 38/1988, de demarcación e de planta xudicial.

3. A inspección das oficinas dos xulgados de paz ou das agrupacións de secretarías de xulgados de paz efectuarase de conformidade co previsto na Lei orgánica do poder xudicial, na Lei do rexistro civil e demais normativa aplicable, sen prexuízo das competencias de inspección da Xunta de Galicia no ámbito a que se refire a alínea anterior.

Disposicións transitorias
Primeira.-Colaboración do persoal integrado nas agrupacións.
1. Mentres os concellos non revoguen ou a consellería competente en materia de xustiza non deixe sen efecto a aprobación das designacións de persoal idóneo para o desempeño das secretarías de xulgados de paz efectuadas, de conformidade co artigo 50.3º da Lei 38/1988, de demarcación e de planta xudicial, o persoal integrado nas agrupacións de secretarías deberá colaborar nas funcións propias destas.

2. Para garantir que a colaboración prevista na alínea anterior se realice en dignas condicións de emprego, a Xunta de Galicia, mediante convenios de colaboración, fomentará a contratación deste persoal por parte das administracións locais competentes cando o desempeño das ditas funcións o veña realizando, sen relación laboral coas administracións públicas, un particular que acredite un tempo de desempeño superior aos cinco anos.

Segunda.-Das funcións de Rexistro civil dos/as secretarios/as dos concellos integrados nunha agrupación de secretarías de xulgados de paz.


Os/as secretarios/as dos concellos integrados nunha agrupación de secretarías de xulgados de paz continuarán asistindo os xuíces de paz nas funcións de Rexistro civil nos termos previstos na disposición transitoria terceira do Real decreto 257/1993, do 18 de febreiro, polo que se regulan as agrupacións de secretarías de xulgados de paz.


Terceira.-Proceso de establecemento gradual das agrupacións de secretarías de xulgados de paz.

A constitución das agrupacións de secretarías de xulgados de paz levarase a cabo de forma gradual en función das posibilidades organizativas e orzamentarias da Xunta de Galicia, debendo, en todo caso, acomodarse ao proceso de implantación da relación de postos de traballo da Administración de xustiza en Galicia segundo as previsións da Lei orgánica 19/2003, de modificación da Lei orgánica do poder xudicial.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Entrada en vigor.
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facultades de execución.
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de xustiza para adoptar, no ámbito da súa competencia, cantas medidas exixa a execución deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xullo de dous mil oito.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
José Luis Méndez Romeu
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza