
Coa finalidade de dar cumprimento ao
disposto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de
organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público
autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de
Galicia o Acordo de encomenda de xestión de diversas consellerías a prol
da Consellería de Sanidade, para a colaboración nun programa de
inspección e control da incapacidade temporal para os anos 2014-2016 na
Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado no Consello da Xunta de Galicia
do 5 de decembro de 2013.
Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.
ANEXO
Acordo de encomenda de xestión de diversas consellerías
a prol da Consellería de Sanidade
a prol da Consellería de Sanidade
Primeiro.
O dito acordo de encomenda de xestión subscribírono as seguintes consellerías o 9 de decembro de 2013:
– Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
– Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
– Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
– Consellería de Traballo e Benestar.
– Consellería do Medio Rural e do Mar.
– Consellería de Sanidade.
Segundo. Actividades a que se refire
Dentro do obxecto deste acordo de encomenda
de xestión desenvolverase un programa especial de inspección e control
da incapacidade temporal por parte dos servizos de Inspección Sanitaria
da Consellería de Sanidade como prioridade e folla de ruta para os
vindeiros anos 2014, 2015 e 2016.
Para acadar a maior efectividade do programa
e a maior eficiencia na racionalización da incapacidade temporal, para
os efectos da súa execución, levarase a cabo a colaboración necesaria
entre o persoal médico asesor dependente de cada consellería e as
unidades de Saúde Laboral dos servizos de Inspección Sanitaria
provinciais da Consellería de Sanidade.
Na súa virtude, por proposta da Consellería
de Sanidade, o Consello da Xunta de Galicia, decidido a facilitar e
promover a colaboración e unidade de acción entre os diferentes
departamentos da Administración da Xunta de Galicia afectados, promove o
presente acordo de encomenda de xestión para gañar en efectividade,
polo que determina levala a cabo.
Terceiro. Natureza e alcance da xestión
O
obxecto do acordo de encomenda de xestión é propiciar unha colaboración
eficiente entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia para
levar a cabo o control da prestación sanitaria por incapacidade temporal
do empregado público da función pública galega adscrito, para os
efectos deste aseguramento, ao mutualismo administrativo de Muface e
Muxexu. Trátase, por tanto, de comprobar que o
absentismo por incapacidade temporal se adecúe a situacións médicas
reais en que o repouso laboral debe formar parte do tratamento clínico, o
que cumpriría con dúas premisas esenciais que garantirán unha maior
eficiencia na Administración da Xunta de Galicia para:
1. Evitar a potencial existencia de prácticas que desvirtúen a esencia da prestación.
2. Reducir as repercusións económicas das prácticas incorrectas dentro do capítulo I dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia.
En consecuencia, o acordo define o ámbito de
aplicación, concreta as cuestións de competencia e a colaboración entre
as unidades e axentes implicados para acadar con éxito un área do
programa especial de inspección e control da incapacidade temporal, no
ámbito do empregado público que pertence ao réxime especial da
Seguridade Social de funcionarios civís do Estado e da Administración de
xustiza xestionado por Muface e Muxexu, respectivamente, non sometido
ata este momento a ningún control por parte das unidades de saúde
laboral da Inspección Sanitaria.
Tamén responde á finalidade de precisar a
colaboración entre as consellerías da Xunta de Galicia asinantes do
presente acordo de encomenda de xestión para que os servizos de
Inspección Sanitaria da Consellería de Sanidade se convertan en unidades
de asesoramento facultativo a que os órganos de persoal respectivos
poidan solicitar informe para os efectos de valoración da incapacidade
temporal para a concesión de licenzas, de acordo co disposto no artigo
90.1.a) do Decreto 375/2003, polo que se aproba o Regulamento do
mutualismo administrativo.
Así mesmo, o acordo de encomenda de xestión
ten como último fin a efectiva abordaxe dun programa especial de
inspección e control da incapacidade temporal dentro do Plan de
prioridades de inspección sanitaria da Consellería de Sanidade para os
anos 2013-2016, e cumprir coas actuacións e obxectivos dos anexos deste
acordo.
Cuarto. Prazo de vixencia
O acordo de encomenda de xestión entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia
e producirá efectos ata o 31 de decembro de 2016; poderá ser prorrogado
por períodos anuais mediante acordo expreso das partes formalizado con
anterioridade á súa finalización, o cal deberá ser tamén obxecto de
publicación no Diario Oficial de Galicia. Sen prexuízo do sinalado, con
anterioridade á data de terminación da súa vixencia, poderá ser
denunciado por calquera das partes asinantes ou, de ser o caso, revogado
por acordo do Consello de Goberno da Xunta de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2014