Pola DXX remitiusenos a seguinte
comunicacion en relación coa formación dos compañeiros que obtiveron
plaza no concurso de traslado: “…O próximo luns 3 de decembro está
previsto a posta en marcha do proxecto formativo destinado ao persoal
que cambia de posto de traballo como consecuencia do concurso de
traslado. Esta formación tamén estará dispoñible para o persoal que se
reincorpore ao seu posto de traballo despois dunha liberación sindical.
Coa fin de que este persoal reciba a
formación máis axeitada para o posto de traballo ao que se vai
incorporar, e personalizada ao seu nivel de coñecementos, analizouse a
información dispoñible no relativo aos postos de orixe e destino e
asignouse un titor a cada un dos alumnos. Os titores serán os
encargados de guiar a cada un dos alumnos durante os primeiros meses na
súa aprendizaxe, mediante as seguintes actividades:
1. Acollida inicial,
indicándolle aos alumnos cales son os seus obxectivos de aprendizaxe,
facilitándolle unha planificación xeral de formación e informándolle
sobre o proceso de aprendizaxe completo asociado á súa incorporación á
Administración de Xustiza de Galicia. Esta acollida realizarase a través
do correo electrónico.
2. Acceso á documentación necesaria para o cumprimento dos obxectivos de formación de cada un dos alumnos.
3. Resolución, durante os horarios de titorías, das dúbidas dos alumnos.
4. Resolución das dúbidas dos usuarios a través da Comunidade Virtual de Aprendizaxe da Administración de Xustiza de Galicia: mediante os foros e o formulario de consulta en liña.
5. Seguimento e avaliación
da aprendizaxe dos alumnos, para recomendarlle a asistencia ás
actividades formativas que se organicen e que mellor se adaptan ás
necesidades do alumno. Estas actividades poderán ser remotas ou
presenciais.
Os contactos dos titores cos alumnos
realizaranse a través dos distintos medios técnicos cos que conta a
Administración de Xustiza de Galicia: Comunidade Virtual de Aprendizaxe
(foros e consulta en liña), correo electrónico, teléfono e
videoconferencia.
A formación prevista, que estará guiada en todo momento por un titor, desenvolverase en dúas fases:
· Formación en temas xenéricos, organizativos e administrativos.
· Formación específica nas aplicacións informáticas da Administración de Xustiza en Galicia….”