22 jun 2012

A Xunta da luz verde ao inicio das actividades dos arquivos xudiciais territoriais e da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia

Publicado na páxina da Xunta. O Consello da Xunta de hoxe deu luz verde á orde que determina o inicio das actividades dos arquivos xudiciais territoriais e da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia. Con esta iniciativa permitirase un acceso máis fácil e áxil á información almacenada, unha adecuada conservación daqueles documentos que polo seu valor histórico, cultural ou social merecen formar parte do patrimonio de Galicia e un importante aforro de espazo.


Segundo aparece recollido na orde, o inicio das actividades dos arquivos xudiciais territoriais e da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia comezarán ao día seguinte da designación dos responsables dos arquivos xudiciais territoriais e dos membros da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia, o que se producirá no prazo máximo de dous meses desde a publicación da orde.
Ademais, no documento que hoxe tivo o visto e prace no Consello, apróbanse os modelos oficiais para a remisión de documentación xudicial desde o arquivo xudicial de xestión aos arquivos xudiciais territoriais; para as relacións documentais que se remitan desde os arquivos xudiciais de xestión ou territoriais á Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia, así como os destinados ás relacións documentais que se remitan desde o arquivo xudicial territorial ou de xestión, co obxecto de que este último informe do transcurso dos prazos legais de prescrición ou caducidade.
Funcións dos arquivos e da Xunta de Expurgación
O terceiro aspecto obxecto da orde é a compilación das principais funcións dos arquivos xudiciais de xestión e territoriais e da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia, reguladas na lexislación autonómica.
Así, os arquivos xudiciais de xestión ordenan, conservan e custodian a documentación xudicial ata a súa remisión aos arquivos xudiciais territoriais ou traslado para a súa conservación, alleamento ou recuperación, de conformidade coa decisión da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia.
Os arquivos xudiciais territoriais ordenan, conservan e custodian a documentación que lles remiten os arquivos xudiciais de xestión das súas respectivas provincias. Deben, así mesmo, elevar á Xunta de Expurgación, polo menos unha vez ao ano, as relacións de expedientes xudiciais dos que se confirmou a prescrición ou caducidade, para que esta decida sobre o seu posterior destino.
Por último, a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia acorda a transferencia á Administración competente en materia de patrimonio histórico daqueles expedientes ou documentos xudiciais que deban ser preservados por causa do seu interese histórico-documental. En caso contrario, a Xunta resolverá a súa exclusión do patrimonio histórico e posterior alleamento.