3 jul 2010

Publicado o calendario laboral para o ano 2011

No DOG do día 29.6.2010, publicouse o Decreto 101/2010, do 17 de xuño, polo que se determina o calendario laboral para o ano 2011 na Comunidade Autónoma de Galicia.
O artigo 37.2º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas das festas de ámbito estatal, as comunidades autónomas teñen facultades de opción ou substitución por outras que por tradición lles sexan propias.

En virtude destas facultades, na nosa comunidade autónoma, e ao coincidir con domingo, o 1 de maio, Festa do Traballo, e o 25 de decembro, Nadal, facendo uso da posibilidade recollida no artigo 45.3º do Real decreto 2001/1983, optouse pola súa substitución polos días 17 de maio, Día das Letras Galegas, e 19 de marzo, Día de San Xosé, que pola súa significación xa foron implantadas como festas laborais noutras ocasións, seguindo, deste xeito, o criterio de festas laborais para conmemorar todo o que forma parte da nosa tradición, historia e cultura.

Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, asumidas e asignadas polo Decreto 117/1982, do 5 de outubro, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar e, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, levada a cabo na súa reunión do 17 de xuño de 2010,

DISPOÑO:

Artigo 1º
Conforme o establecido no artigo 37.2º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, modificado polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, de non se producir modificación no calendario laboral de carácter estatal, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 serán as seguintes:

1 de xaneiro Aninovo
6 de xaneiro Día de Reis
19 de marzo San Xosé
21 de abril Xoves Santo
22 de abril Venres Santo
17 de maio Día das Letras Galegas
25 de xullo Día Nacional de Galicia
15 de agosto A Asunción
12 de outubro Día da Hispanidade
1 de novembro Todos os Santos
6 de decembro Día da Constitución
8 de decembro A Inmaculada


As festas mencionadas terán carácter retribuído e non recuperable.
Artigo 2º
Conforme o disposto no artigo 37.2º do Estatuto dos traballadores, artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e artigo 1.11º do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, que serán determinadas polo/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar en cada unha das delegacións territoriais da comunidade autónoma, por proposta do órgano municipal competente dos respectivos concellos, e publicaranse nos boletíns oficiais de cada provincia e no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 3º
De acordo co que dispón o artigo 48.7º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as festas laborais sinaladas no artigo 1º terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil once.