26 may 2008

Nota informativa conxunta dos sindicatos CSI-CSIF, CCOO, UGT, CIG e SPJ-USO

Ao Sr. Conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
As cinco Centrais Sindicais CSI-CSIF, CCOO, UGT, CIG e USO, que encabezan este escrito, e no nome e representación da Plataforma Reivindicativa Unitaria que todas elas conforman, D. Manuel Díaz Mato, por medio do presente escrito, lembrámoslle:
1º.- Que na Mesa Sectorial celebrada coa súa presenza o día 31 de xaneiro, vostede adquiriu un dobre compromiso cos cinco Sindicatos asinantes da Plataforma Reivindicativa Unitaria: por unha banda, acadar un acordo no marco da negociación coa mesma para antes do verán do presente ano, e, por outra, que dito acordo colocaría ao colectivo de funcionarios ao servizo da Administración de Xustiza de Galicia “da metade da táboa para arriba”, en relación coa media retributiva do resto de Comunidades Autónomas con traspasos de xestión en materia de Xustiza.
2º.- Que a negociación retributiva do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, en tódolos ámbitos territoriais, prodúcese no marco de recoñecemento da especial consideración das responsabilidades e funcións deste colectivo, e da especial dificultade na realización das súas tarefas, que os distinguen dos demais. Esta distinción estableceuna o artigo 122.1 da Constitución e foi logo recoñecida polo Tribunal Constitucional na súa Sentencia 56/1990.
Sen embargo, a Directora Xeral de Xustiza non amosa ter conciencia da importancia e da urxencia de acadar un acordo, e incumpre os prazos e os tempos pactados previamente cos Sindicatos, impedindo tratar de xeito conxunto retribucións e condicións de traballo, ademais de eludir entregarlle á Plataforma a documentación que reiteradamente se lle solicita sobre cadros de persoal, reforzos, etc., paralizando con todo isto a negociación.
Ante tal situación, solicitámoslle que na vindeira Mesa Sectorial do 29 de maio, por parte da Consellería se presente unha oferta económica e se faga entrega da documentación necesaria para continuar coa negociación do Acordo. De non ser así, requirimos a súa presenza na devandita Mesa Sectorial de Xustiza do 29 de maio, a fin de dar saída a negociación e co fin de evitar situacións que poidan danar o servizo público da Administración de Xustiza na nosa Comunidade.
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2008.
Asdo. Manuel Díaz Mato
(En representación da Plataforma Reivindicativa Unitaria dos Sindicatos CSI-CSIF, CCOO, UGT, CIG e USO)